Ya'akov Meshorer
Ya'akov Meshorer, nado o 14 de agosto de 1935 en Xerusalén e finado o 23 de xuño de 2004 na mesma cidade, foi un numismático israelí, conservador xefe de arqueoloxía do Museo de Israel.[1][2][3][4] TraxectoriaOrixe familiar e formaciónMeshorer naceu en 1935 no seo dunha familia de orixe Mani asentada na zona de Xerusalén durante séculos. Tanto el coma o seu irmán xemelgo, Asher, adoitaban procurar moedas antigas nos arredores da cidade, que estaba urbanizándose naquelas datas. En 1949, cando tiñan 14 anos, acordaron doar as moedas que conseguiran ao Departamento de Antigüidades de Israel.[5][6] Ya'akov ingresou nas Forzas de Defensa de Israel en 1954 para facer o seu servizo militar e, antes de completalo, en 1956 fíxose membro de kibbutz Hatzerim, dentro do cal casou, ese mesmo ano, con Adaya Weiss. Meshorer fundou un museo nese kibbutz antes de trasladarse a Xerusalén en 1960, para cursar os seus estudos superiores de Arqueoloxía e Historia Xudía na Universidade Hebrea de Xerusalén, onde se graduou en 1966. Na mesma universidade acadou o doutoramento en Numismática en 1971, cunha tese sobre a moeda nabatea que se publicou en 1975.[5][6][7] Carreira académicaMeshorer ingresou no Museo de Israel e nel estableceu a División de Numismática en 1969, da que foi o seu director ata 1993. Simultaneamente exerceu como conservador xefe de Arqueoloxía na Universidade Hebrea de Xerusalén en dous períodos: 1975-1982 e 1990-1996. Na mesma universidade comezou a impartir docencia de Numismática en 1983. Meshorer retirouse do seu posto no Museo de Israel en 2000.[8] Tamén foi membro do Consello Arqueolóxico da Autoridade de Antigüidades de Israel e supervisou o establecemento de dous museos dedicados á arqueoloxía bíblica: o Centro Comunitario Xudeu de Cleveland en 1976 e o Museo Hecht da Universidade de Haifa en 1984. Así mesmo, formou parte da Dirección da Sociedade Israelí para as Medallas e as Moedas, no seo da cal participou na escolla dos deseños das moedas do moderno Estado de Israel, moitas delas baseadas noutras moedas da antigüidade xudía.[5][9] Ademais do seu labor docente principal en Xerusalén, Meshorer foi tamén profesor invitado en diversas entidades de todo o mundo, como a American Numismatic Society, de Nova York, a Universidade Duke, o Museo Británico, o Seminario Teolóxico Xudeu de Nova York ou a Biblioteca Nacional de Francia, en París.[9] En paralelo á súa traxectoria académica, Meshorer serviu como reservista nas Forzas Armadas de Israel e en 1967 resultou levemente ferido na Guerra dos Seis Días. Posteriormente actuou tamén como oficial da unidade de enlace da ONU.[6] Meshorer finou como consecuencia do cancro en Xerusalén aos 69 anos, en 2004. RecoñecementosPremio Numismático Ya'akov Meshorer
En 2002 o Museo de Israel estableceu na súa honra o Premio Numismático Ya'akov Meshorer, que conta entre os seus premiados con numismáticos tan sobranceiros como Andrew Burnett, Michel Amandry ou Michael Metcalf.[9][10][11] Premios acadados
PublicaciónsMeshorer publicou case unha vintena de libros e máis dun cento de artigos, a maioría deles acerca das moedas da Terra Santa:[5][13][14] Monografías
Notas
Véxase taménBibliografía
Ligazóns externas
|