Stromile Swift, nado o 21 de novembro de 1979 en Shreveport, Louisiana, é un ex xogador estadounidense profesional de baloncesto.
Swift pasou a súa carreira universitaria en Louisiana State, antes de ser seleccionado na 2ª posición do Draft da NBA do ano 2000 polos Vancouver Grizzlies. Estivo nos Grizzlies, en Vancouver e en Memphis, ata o ano 2005.
Tras a tempada 2004-05, deixou os Grizzlies coma axente libre e asinou un contrato por 4 anos e 22 millóns de dólares cos Houston Rockets.[1] O día do Draft de 2006, foi traspasado de novo aos Memphis Grizzlies xunto á 8ª elección do Draft, Rudy Gay, a cambio de Shane Battier.[2]
O 4 de febreiro de 2008, Swift foi traspasado aos New Jersey Nets a cambio de Jason Collins e diñeiro.[3] Catro días despois, xogou os seus primeiros minutos cos Nets contra os Charlotte Bobcats.
O 1 de marzo de 2009, Swift foi cortado polos Nets, e tres días máis tarde, asinou un contrato cos Phoenix Suns para o que quedaba de tempada.[4] Tamén en setembro de 2009, asinou un contrato cos Philadelphia 76ers,[5] pero foi cortado en outubro sen xogar nin un só minuto.[6]
En decembro de 2009, Swift asinou un contrato cos Shandong Lions da Chinese Basketball Association, e fixo o seu debut días máis tarde.