Ponte do Burgo
A Ponte do Burgo é unha ponte medieval, construída sobre outra máis antiga de orixe romana, que cruza o río Lérez na cidade de Pontevedra. Atópase no camiño portugués ao norte do centro histórico de Pontevedra e ao sur do barrio do Burgo.[1] Entre os arcos dos piares están talladas as famosas cunchas de peregrino de pedra. HistoriaA actual ponte medieval é herdeira da primeira ponte romana pola que pasaba a vía romana XIX no Itinerario de Antonino. Esta ponte aínda existía no século XII, pero estaba en ruínas[2] e foi durante moito tempo o único punto de paso do río Lérez no Camiño Portugués. As primeiras referencias á ponte actual remóntanse a 1165, cando os reis Fernando II de León e Galiza e Afonso de Portugal asinaron a paz super flumen Lerice in vetula ponte, designando a antiga ponte romana (augas abaixo desta) como Ponte Vella. No século XV, a ponte tiña dous estribos de 30 metros e 15 arcos, pero perdeu un cando se construíu un novo dique para aumentar a profundidade do porto.[3] No século XVI, a ponte contaba con dúas torres defensivas, unha a cada lado do río, estando a máis próxima á cidade unida ás murallas de Pontevedra e anexa ao antigo cárcere, como mostran os debuxos de Pier Maria Baldi[4] e Celso García de la Riega. O 26 de novembro de 1646 unha enorme crecida do Lérez estivo a piques de derrubar a ponte.[5] As torres foron destruídas polos ingleses en 1719. Unha delas foi reconstruída, pero desapareceu definitivamente en 1805. No centro había un cruceiro que, a mediados do século XIX, trasladouse aos arredores da praza Alonso de Fonseca, xunto á basílica de Santa María a Maior. Naquela época, a ponte só tiña 12 arcos visibles. A ponte figura no escudo da cidade coa súa torre e o seu cruceiro. A primeira gran reforma da ponte realizouse en 1886 baixo a dirección do enxeñeiro Prudencio Guadalfajara para a súa reparación e ampliación. En 1890 eliminouse o peitoril de pedra e instalouse unha varanda metálica.[6] Entre 1953 e 1954 levou a cabo unha importante reforma e ampliación, con dous carrís para vehículos e beirarrúas a ambos os dous lados para os peóns. Tamén se expuxo a idea de cubrir as beirarrúas, que finalmente non se fixo por falta de orzamento.[7] As cunchas de vieira esculpidas nos arcos foron un traballo encargado en 1950 a Raymundo Vázquez e realizado por un dos seus canteiros. En 1988 construíronse plataformas de formigón para a ampliación da avenida de Bos Aires, apoiadas en piares, que ocultaron o undécimo arco da ponte por baixo. Durante as escavacións descubriuse o famoso miliario de Hadriano, datado no ano 134 d.C.[8] En 2006, unha escavación arqueolóxica sacou á luz os arcos número 14 e 15 da ponte e o peirao do porto do século XV cun arco apuntado cego. Durante a escavación, os arqueólogos atoparon dous miliarios, un dedicado ao emperador Maximino Daia do século IV e o outro ao emperador Nerva do século I.[9] PeonalizaciónA mediados de 2019 iniciáronse as obras de peonalización completa da ponte do Burgo, que finalizaron en 2020, coa instalación dunha nova iluminación nocturna na ponte.[10][11] Grazas a esta reforma, colocouse un novo pavimento de granito e retirouse a antiga varanda e substituíuse por unha nova.[12][13][14] DescriciónÉ unha ponte peonil de arcos de pedra que sufriu modificacións en distintas épocas. Realizada en granito, consta de once arcos rebaixados de medio punto. A ponte ten 10 arcos visibles, tallamares, unha varanda de aceiro galvanizado gris de 1,10 metros de altura[15] con iluminación integrada e cunchas de vieira de pedra engadidas como medallóns entre os arcos por encima dos piares da ponte na década de 1950. A ponte do Burgo ten 11,2 metros de ancho e 158 metros de longo. O pavimento de pedra incorporou en 2020 pequenas luces azuis que marcan o camiño portugués. CulturaNo extremo sur da ponte, na súa confluencia co casco antigo de Pontevedra, existe unha zona arqueolóxica con restos da ponte medieval orixinal (en particular dos arcos 14 e 15) e do porto medieval, que quedaran sepultados polas obras realizadas ao longo dos séculos. Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas
|