Pastor Alonso
Pastor Alonso Paz, nado en Ferrol en 1954,[1] é un médico e antigo político galego que foi alcalde de Noia. TraxectoriaLicenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, é urólogo de profesión. Realizou a especialización en uroloxía en Barcelona. Acadou unha certa sona a primeiros dos oitenta por realizar vasectomías en Ferrolterra,[1] onde estaba destinado, e polas campañas de popularización desta técnica. De feito, formou en Narón o Consello Galego de Saúde, unha organización que avogaba por unha sanidade pública dende unha perspectiva de esquerdas.[2] Ampliou a súa formación como médico urólogo en Lisboa. Politicamente, foi a primeiros dos oitenta concelleiro nacionalista en Narón. Trasladado profesionalmente primeiro ás Pontes[3] e logo a Noia, encabezou a lista do BNG á alcaldía de Noia en 1987, e obtivo a vitoria, sendo elixido alcalde da vila e gobernando en minoría. Xunta el, nas filas nacionalistas tamén foran elixidos concelleiros, entre outros, Xaquín Fernández Leiceaga e Antón Avilés de Taramancos. Naquel tempo foi un dos fundadores da Fundación Galega contra o Narcotráfico.[4] As actuacións polémicas de Alonso e a súa popularidade nos medios como alcalde que loitaba contra o narcotráfico foron da man. É a época dos conflitos coas areeiras, a reivindicación como pública da illa da Creba, o caso do vertedoiro en San Lázaro e a liorta interna que mantivo co secretario municipal.[5] Ao remate do primeiro mandato, Alonso incorporara as súas filas catro concelleiros de PP e PSOE,[5] e revalidou o triunfo en 1991 desta volta con maioría absoluta, mais en 1992 foi condenado por prevaricación polo Tribunal Supremo,[6] por un desaloxo incorrecto a unha familia xitana que realizara durante o seu mandato.[7] Inhabilitado, continuou vencellado á política como asesor do seu sucesor, Bieito González, até que foi cesado pola propia corporación ao perder a súa confianza[6][8][9] e deixou definitivamente a política local en 1993.[10] Nese ano lanza Alternativa Galega, unha nova formación de carácter centrista e nacionalista, que se presenta ás eleccións xerais de 1993, e posteriormente ás autonómicas de outubro dese ano, pero onde non consegue máis ca algo máis de 3.000 votos e ningunha representación. Nas eleccións municipais de 1995 o partido consegue un único concelleiro en Noia, Díez Rechou, e apoiou o PP para que esta formación se fixese coa alcaldía. Ao pouco o partido disólvese e Alonso abandona de vez a política. Proseguiu a súa traxectoria como médico e tivo consulta en Ferrol e Bilbao.[11] Residiu en Francia.[12] Ten investigado e publicado artigos sobre trasplantes renais.[13] Notas
Véxase taménOutros artigos
|