Moeda sasánida![]() A moeda sasánida é a emitida dentro dos dominios do Imperio Sasánida entre os anos 224 e 651. Xunto coas do Imperio Romano, as cuñaxes sasánidas foron as máis importantes da Antigüidade tardía.[1] ![]() Estas emisións constitúen unha fonte primaria fundamental para o estudo do período sasánida, e de grande importancia na historia e, destacadamente, na historia da arte en xeral.[2][3] O Sylloge nummorum Sasanidarum é unha serie de publicacións de referencia para o estudo destas moedas.[2] O sistema monetario sasánida![]() ![]() A denominación monetaria principal dos sasásidas, introducida polo rei Ardashir I (224-242) e herdada do Imperio Parto, era o dirham de prata (en pahlavi: drahm), derivado do dracma da Antiga Grecia.[2][4] A maioría dos gobernantes sasánidas emitiron tamén fraccións en cobre, como óbolos e hemidracmas, e tamén tetradracmas.[3] Con todo, o tetradracma caeu axiña en desuso ao principio do período sasánida, durante o reinado de Bahram I (271-274), cando xa estaba cuñado maioritariamente de cobre e só cunha minúscula proporción de prata, e abandonouse definitivamente con Bahram II (274-293). Do mesmo xeito, os hemidracmas tamén apareceron apenas ao principio do período sasánida, en tanto que os óbolos e os hemióbolos tiveron uso durante un período máis longo, aínda que só se emitían esporadicamente, en ocasións especiais (agasallos de investidura, para esparexer entre as multitudes, etc.). A variante iraniana do óbolo, o dang, cuñouse ata a fin do reinado de Kavad I (488-496 e 498-531).[4][5] Canto ás moedas de ouro, estas emitíronse en tiraxes limitadas, mesmo con propósito propagandístico e para competir coas equivalentes dos imperios romano e cuxano.[2] Este dinar (en pahlavi: dēnār, derivada do denarius aureus do Imperio Romano) tamén foi introducido por Ardashir I, o primeiro gobernante sasánida. De feito, o sistema monetario parto (o antecesor do sasánida) descoñecía a cuñaxe do ouro.[3] O dinar sasánida pesaba entre 7 e 7,4 gramos ata o reinado de Sapor III (383-388).[6] Durante os arredor de catrocentos anos de historia sasánida, a cuñaxe de moeda foi un privilexio único dos gobernantes reais, e a tipoloxía destas emisións era invariable ao longo de todo o imperio, o que demostra que as cecas sasánidas estaban baixo o estrito control do poder central do imperio.[2][3] As cuñaxes realizábanse á man e as emisións estaban ben reguladas, e compróbase que as súas cantidades foron moi superiores nos períodos de máxima actividade bélica, sobre todo con Cosroes I (531-579) e Cosroes II (590-628), polo que o seu uso parece estar moi vinculado ao pagamento de tropas, á parte dos impostos e os usos cotiáns do pequeno comercio.[3][4] Caracterización e iconografía![]() As moedas sasánidas amosan unha tipoloxía iconográfica moi constante desde o século III ao século VII, coa excepción de que os retratos son progresivamente máis estilizados. En palabras de Darley e Canepa:[2]
Influencia noutras emisiónsSegundo Darley e Canepa, a moeda sasánida foi utilizada amplamente no comercio, especialmente con China e Asia Central, e serviu de modelo para outras emisións en áreas adxacentes ao imperio, como as gobernadas polos Eftalitas e os Kidaritas.[2] A partir da conquista árabe de Persia, o califato omeia copiou as moedas sasánidas, ás que lles engadiron, habitualmente, algunhas lendas en árabe. Estas moedas, chamadas árabe-sasánidas, cuñáronse no corazón do antigo imperio sasánida e amosaban os mesmos motivos que aquelas, entre eles o tradicional altar con lume de Zoroastro.[7] Cando se creou, durante o reinado de Abd al-Malik ibn Marwan (685-705), unha nova tipoloxía de moeda musulmá anicónica, os novos dirhams de prata aínda amosaban trazas das tradicionais cuñaxes dos sasánidas.[2] Sylloge Nummorum SasanidarumMalia a existencia de diversos estudos acerca da moeda sasánida, a cantidade destas moedas estudadas e publicadas é relativamente escasa, en comparación coa doutras épocas e culturas, e a súa interpretación está aínda nun estadio pouco desenvolvido. Para suplir esta carencia, o Consello Internacional de Numismática, xunto co Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS), de París, e o Instituto Italiano para a África e o Oriente (IIAO), de Roma, en colaboración co Departamento de Linguas e Civilizacións de Oriente Próximo da Universidade Harvard e a Academia Austríaca de Ciencias, en Viena, botaron a andar o proxecto de investigación Sylloge Nummorum Sasanidarum (SNS).[8] O seu primeiro obxectivo é a publicación de todas as moedas sasánidas depositadas en tres institucións museísticas: o Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, os Museos Estatais de Berlín e o gabinete numismático do Museo de Historia da Arte de Viena. O número total de moedas sasánidas destas tres institucións é de arredor de 12.000.[8] Estes son os volumes aparecidos ata o de agora:[8]
Galería de imaxes
Notas
Véxase taménOutros artigosBibliografía
Ligazóns externas
|