Oito satélites IDCSP na preparación previa ao lanzamento a bordo dun foguete Titan 3C.
IDCSP (acrónimo de Initial Defense Communication Satellite Program ou Interim Defense Communication Satellite Program) foi un programa da Forza Aérea dos Estados Unidos de mediados e finais da década de 1960 para establecer o primeiro sistema de comunicacións por satélites en órbita xeoestacionaria. IDCSP considérase a primeira fase do máis amplo programa DSCS (Defense Satellite Communications System) e foi o sucesor do cancelado programa ADVENT.[1][2]
Os satélites IDCSP estabilizábanse mediante xiro e tiñan forma de poliedro de 26 caras e 86 cm de diámetro, cunha masa total de 45 kg. A súa superficie estaba cuberta de células solares. Por simplicidade, os satélites non tiñan baterías nin sistema activo de control de actitude. As transmisións tiñan lugar mediante un único transpondedor en banda X cun ancho de banda de 26 MHz. Tódolos satélites IDCSP superaron a súa expectativa de vida de tres anos, sendo apagados despois de seis anos de funcionamento.[1][2]
Os IDCSP eran lanzados mediante foguetes Titan 3C en quendas de ata oito satélites á vez en órbitas lixeiramente por debaixo da xeoestacionaria para permitirlles derivar ata 30 graos ao día co fin de que o fallo dun deles puidera verse compensado polo movemento dos demais. Tiveron uso, por exemplo, durante a guerra de Vietnam, para retransmitir fotos e outros datos.[1][2]