Hugo Rama
Hugo José Rama Calviño, nado o 22 de novembro de 1996 en Sigüeiro, é un futbolista galego que xoga como centrocampista. TraxectoriaNado en Sigüeiro, Oroso, a orixe arxentina de seu pai fixo que fose afeccionado de River Plate dende pequeno.[1][2] Comezou a súa formación como futbolista nas categorías inferiores do Celta de Vigo, onde destacou ata o segundo ano de xuvenil, cando decidiu abandonar o club por "saúde mental" e porque xa non gustaba da rutina que levaba.[3] [4]Xogou entón unha campaña no Xuventude Oroso, co que logrou o ascenso á Liga Nacional, e debutou na Primeira Galicia co Sigüeiro, compartindo equipo con Juanito.[4] Foi nun partido ante o Cordeiro, no que marcou o único gol do seu equipo, que perdeu 1-2. Após esa temporada incorporouse ao Deportivo da Coruña como xuvenil de terceiro ano.[5] Do equipo xuvenil dirixido por José Ramón pasou ao Fabril na tempada 2015/16, onde se converteu nun dos xogadores fixos para o adestrador Manuel Mosquera. Con todo, a chegada de Cristóbal Parralo ao banco acabou provocando a saída de Rama do club por falta de minutos, despois de 49 partidos co filial. En agosto de 2017 asinou co Cerceda de Tito Ramallo, aproveitando así a oportunidade de xogar na Segunda División B. Titular indiscutible no club cercedense, disputou un total de 44 partidos, 39 deles como titular, e marcou 9 goles. O 25 de xaneiro de 2018 asinou un contrato co Lugo, da Segunda División, que se faría efectivo para a seguinte temporada. Porén, o club lucense cedeuno na súa primeira campaña ao Mirandés de Segunda B. En Miranda de Ebro foi titular indiscutíbel e unha das pezas chave do equipo adestrado por Borja Jiménez, que gañou a Copa Federación e logrou o ascenso a Segunda. Con todo, caeu lesionado nun encontro das eliminatorias de ascenso contra o Recreativo de Huelva, rompendo o ligamento cruzado anterior do xeonllo no mesmo momento que marcaba o único gol do partido.[6] A pesar da lesión, o 24 de xullo Rama prolongou o seu contrato co Lugo até 2022. Reapareceu nos terreos de xogo en xaneiro de 2020,[7] debutando co Lugo en Segunda nun encontro ante o Rayo Vallecano no Estadio de Vallecas, entrando ao campo na segunda metade como substituto de Álex López. O 21 de outubro de 2020 marcou o seu primeiro gol na categoría de prata, na vitoria por 3-0 do seu equipo fronte ao Girona no Anxo Carro.[8] Durante esa tempada (2020/21) disputou 38 encontros, 30 deles como titular, e marcou 4 goles. En xaneiro de 2022 acordou co club a rescisión do seu contrato e asinou polo Oviedo, da mesma categoría. Xogou 10 partidos no que restaba de tempada, ás ordes do Cuco Ziganda, pero non se fixo cun oco no once titular ata a campaña seguinte, especialmente trala chegada do adestrador Álvaro Cervera.[9] Iniciou a tempada 2023/24 como xogador do Oviedo, sendo titular na primeira xornada ante o Tenerife, pero no último día do mercado anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, despois de chegar a un acordo co Oviedo para rescindir o seu contrato.[9] O seu balance no club asturiano foi de 48 partidos e 1 gol. A súa contratación polo Deportivo supuxo o seu regreso ao club coruñés seis anos despois da súa marcha do filial. Debutou co primeiro equipo branquiazul na segunda xornada da Primeira Federación, nunha vitoria por 0-3 diante do Lugo, o seu exequipo, no Anxo Carro. Cun irregular rendemento na primeira metade da tempada, o seu protagonismo caeu na segunda volta, e cando comezaba a recuperar peso no equipo con cinco titularidades consecutivas caeu lesionado ante a Cultural Leonesa, perdendo o resto da campaña.[10] Con todo, contribuíu con 30 partidos (a metade deles como titular) e 2 goles ao ascenso do equipo á Segunda División como campión da categoría.[10] Na tempada 2024/25 apenas tivo participación no equipo coruñés, saíndo como titular só nun partido de liga e noutro de Copa do Rei, e sumou só 289 minutos entre ambas competicións.[11][12] A finais de xuño anunciouse que non continuaría no club na vindeira tempada.[13] Estatísticas
Palmarés
Notas
Véxase taménLigazóns externas
|