General Electric ou (GE, General Electric Company) é unha empresa multinacional estadounidense fundada en Nova York e con sede en Connecticut.[1] A empresa opera principalmente en catro sectores: enerxía, infraestruturas tecnolóxicas, capital, sector financeiro, sector doméstico e industrial.
Historia
Thomas Edison, 1878.Edificio de General Electric en Nova York.
En 1890, Thomas Alva Edison xuntara varios dos seus negocios baixo unha corporación para formar Edison General Electric. Case ao mesmo tempo, Charles Coffin, dirixindo Thomson-Houston Electric Company, adquiriu un bo número de competidores e tivo acceso ás súas patentes clave.[1]
General Electric foi formada pola fusión en 1892 de Edison General Electric en Schenectady, Nova York, e Thomson-Houston Electric Company de Lynn, Massachusetts. Ámbalas plantas continúan operando baixo a marca de General Electric hoxe en día. A empresa foi fundada en Nova York, coa planta de Schenectady utilizada como sede durante moitos anos.
En 1910 a compañía comezou a produción en masa das lámpadas de filamento de tungsteno (a patente para o uso de filamentos incandescentes mercáronlla ao inventor ruso Aleksandr Lodygin en 1906).
En 1947 comeza a produción masiva de lavadoras automáticas.
En 1960 a compañía produce unha metralladora M134 Minigun, un dos seus produtos emblemáticos.
General Electric ten unha ampla historia de traballo con turbinas no campo de xeración de enerxía. A compañía introduciu os primeiros turbocompresores durante a primeira guerra mundial, e continuou desenvolvéndoos durante o período de entreguerras, chegando a ser indispensables nos anos inmediatamente antes da segunda guerra mundial. General Electric tamén traballou con deseños de Frank Whittle durante a guerra, introducindo os motores de reacción de Whittle nos Estados Unidos durante os anos 1940. Isto conduciu á fundación de General Electric Aviation, que é actualmente un dos maiores fabricantes de motores no mundo, só por detrás de Rolls-Royce de Gran Bretaña, que abriu o camiño no deseño e a fabricación de motores. En 2002, General Electric mercou os activos de enerxía eólica de Enron durante a liquidación por creba.[2][3]
Actualmente, a empresa conta con 6 unidades de negocio:
GE Energy fabrica equipos de tratamento de auga e equipos de purificación de auga para a xeración de enerxía, distribución segura e fiable de electricidade, equipos de gas, incluíndo turbinas.
GE Healthcare fabrica equipos médicos.
GE Transportation fabrica locomotoras para mercancías e pasaxeiros, sinalización ferroviaria, motores diésel para ferrocarril e mariños, así como os sistemas de propulsión para camións mineiros e perforadoras.
GE Aviation produce motores a reacción, turbinas de gas para o seu uso na construción naval, así como avións.
GE Capital inclúe GE Money Bank e GE Servizos de Aviación Comercial.
Home & Business Solutions, incluíndo GE Iluminación, Intelligent Platforms, produce aparatos de iluminación e sistema de alimentación ininterrompida.