Copyleft
Copyleft é a práctica de ofrecer o dereito a distribuír libremente copias e versións modificadas de obras coa única restrición de que as novas obras teñen que ter os mesmos dereitos de distribución. Así é que o copyleft defínese como a estratexia de emprego do copyright, ou leis de dereitos de autor, para fomentar a copia, difusión, modificación e mellora de traballo informático, literario ou artístico. Conta cun conxunto de licenzas copyleft que establecen os termos legais que se aplican ás obras derivadas das obras.[1][2] As condicións do autor son, que no canto de prohibir a copia como se fai coas leis de dereito de autor, que cun copyleft establece baixo que termos se poden usar, facer a copias e modificar a súa obra, co requisito de que se manteñan sempre as mesmas condicións de emprego e difusión desas novas obras.[1][3] As licenzas copyleft de software establecen que toda a información necesaria para reproducir e modificar a obra estea dispoñible para calquera usuario. Isto implica que ademais dos ficheiros binarios se ten que compartir o código fonte do software e a licenza cos seus termos e o recoñecemento aos autores. A GNU General Public License (GPL), escrita por Richard Stallman, foi a primeira licenza aberta e a que acadou un amplo uso.[4] A Creative Commons, unha organización sen ánimo de lucro fundada por Lawrence Lessig, ofrece unha licenza similar chamada share-alike (que significa comparte do mesmo xeito).[5] Na ciencia estanse a popularizar os proxectos de colaboración aberta, publicación dos datos e software asociados a investigación.[6][7][8] EtimoloxíaO termo copyleft provén do inglés copyright ("dereito de autor"). A tradución literal de copyright sería "dereito de copia". O termo copyleft altera a parte da palabra copyright que significa "dereito" (right, que ao igual que en galego tamén pode facer referencia ao lado dereito), e a transforma en left (que significa "esquerdo", aínda que pode significar tamén "deixar" ou "ceder" en participio). Así, etimoloxicamente copyleft podería significar "cesión de copia", en referencia a que posibilita a creación e distribución de copias modificadas. Por outra banda, Richard Stallman traduciríao coma "esquerdo de copia"[9], e na súa liña podería traducirse como "esquerdos de autor". OrixeO concepto de copyleft ideouno Richard Stallman, quen quería desenvolver unha licenza de software que ademais de asegurar que se cumprían as catro liberdades do software libre no software baixo a licenza, quería asegurarse de que as modificacións e melloras feitas a dito software por terceiros tamén cumprisen coas catro liberdades.[3] Notas
Véxase taménLigazóns externas
|