Concepción Aleixandre
Concepción Aleixandre, nada en Valencia en 1862 e finada na mesma cidade en 1952, foi unha médica española, pioneira na área de xinecoloxía.[1] TraxectoriaA finais do século XIX na Facultade de Medicina da Universidade de Valencia habería uns cincocentos estudantes, entre os que se atopaban só tres mulleres: a valencianas Concepción Aleixandre e Manuela Solís, graduadas en 1889, e a murciana Sinesia Pujalte Martínez, que abandonou os seus estudos en quinto de carreira.[2] Estes tres casos foron excepcionais, xa que para o acceso á educación superior en igualdade de condicións para mulleres e homes habería que esperar ata 1910 cando unha orde real asinada polo rei Afonso XIII permitiu o acceso ás universidades españolas sen restricións para as mulleres.[3] Aleixandre, que xa contaba co grao de mestra desde 1883, dedicaría a súa vida profesional á medicina. CarreiraÉ considerada unha científica especialista en xinecoloxía de renome que publicaría os seus traballos científicos con regularidade na prensa médica española e foi médica titular no Hospital da Princesa de Madrid e como médica da Beneficencia Provincial da Casa de Maternidade e Inclusa, ademais de manter unha consulta popular. A súa dedicación á investigación permitiulle en 1910 patentar instrumentos xinecolóxicos, uns sistemas para corrixir o descenso da matriz (OEPM, Patente 47109).[4] Realizou unha tarefa importante de divulgación achegando a educación sobre hixiene especialmente ás mulleres. Xestionou a sección dedicada a "saúde de mulleres" na revista A Medicina Social Española (1916-1920). O seu activismo incluíu dar conferencias e mitins, unha delas pronunciada na Unión Iberoamericana de Madrid en 1907. Pronunciou mitins en campañas sanitarias, xunto a oradores como Azorín, Navarro Fernández, Alonso Muñoyerro e Antonio López Muñoz (1923) e de hixiene social (1927), ocupouse á vez doutras tarefas formativas desenvolvidas no Centro Popular Iberoamericano de Madrid. Foi a primeira muller admitida na Sociedade Xinecolóxica Española (1892).[5] En 1928 fúndase a Asociación de Médicas Españolas, por un grupo de médicas entre as que destacan algunhas das pioneiras da medicina española como Trinidad Arroyo (1872-1959, presidenta honoraria) ou Elisa Soriano Fisher (1892- 1964, a representante nos congresos da Medical Women’ s International Association nos anos 1928 e 1929), chegando a ser Concepción Aleixandre presidenta da asociación.[6] FeminismoPertenceu a varias sociedades exclusivas femininas e comprometida co avance dos dereitos das mulleres. Deu o seu apoio ao manifesto a favor de que a escritora Emilia Pardo Bazán fose nomeada membro da Real Academia Española. Asinaron este manifesto entre outros Amalio Gimeno, Blanca de los Ríos, Pérez Galdós, (xuño de 1914).[7] Presidiu a institución Protección Médica, fundada en 1913, de carácter privado cuxo obxectivo era protexer ás viúvas e orfos de médicos, e aos médicos incapacitados para o traballo. ObrasA súa obra escrita, está formada principalmente por artigos publicados en revistas e conferencias e discursos pronunciados en organismos científicos e outros de carácter divulgativo.[1]
Notas
Véxase taménBibliografía
Ligazóns externas
|