Concello de Norrtälje
Norrtälje é un concello sueco no condado de Estocolmo[1]. A súa capital é Norrtälje. Dende a fundación do concello en 1971 a tendencia de poboación vén sendo moi positiva, e en decembro do ano 2024 o muncipio tiña 66 585 habitantes.[2] A área que conforma o municipio ten un leito rochoso agrietado. Os bosques de coníferas e mixtos dominan o oeste do municipio, pero cara a costa dominan os bosques caducifolios. O arquipélago interior é exuberante, mentres que outras partes do arquipélago tellen illotes estériles. A principios da década de 2020 a meirande parte dos traballadores de Norrtälje estaban no sector público, estando o concello e o cárcere de Norrtälje entre os principais empregadores. Historia administrativaA área do concello correspóndese coa das parroquias de Björkö-Arholma, Blidö, Edebo, Edsbro, Estuna, Fasterna, Frötuna, Gottröra, Husby-Lyhundra, Häverö, Lohärad, Länna, Malsta, Närtuna, Riala, Rimbo, Roslags-Bro, Rådmansö, Rö, Singö, Skederid, Söderby-Karl, Ununge, Väddö e Vätö. Nesas parroquias fundáronse coa reforma municipal de 1862 concellos rurais co mesmo nome. Dentro da zona tamén estaba a cidade de Norrtälje na que en 1863 creouse un concello urbano. A localidade municipal de Rimbo estableceuse o 31 de decembro de 1914 e disolveuse co cambio de ano 1957/1958. Coa reforma municipal de 1952 creáronse varios grandes concellos na zona: Frötuna (a partir dos anteriores concellos rurais de Frötuna e Rådmansö), Häverö (de Edebo, Häverö, Singö e Ununge), Knutby (de Bladåker, Edsbro, Faringe e Knutby), Lyhundra (de Estuna, Lohärad, Malsta, Roslags-Bro, Söderby-Karl e Vätö), Roslags-Länna (de Länna, Riala e Roslags-Kulla), Sjuhundra (de Fasterna, Husby-Lyhundra, Rimbo, Rö e Skederid), Skepptuna (de Gottröra landskommun, Husby-Långhundra, Lunda, Närtuna, Skepptuna e Vidbo), e Väddö (de Björkö-Arholma e Väddö). O concello rural de Blidö e a cidade de Norrtälje quedaron sen cambios. O concello municipal de Rimbo reformouse en 1967 a partir do concello de Sjuhundra e de partes do de Skepptuna (as parroquias de Gottröra e Närtuna). Ao mesmo tempo a parroquia de Roslags-Kulla foi trasladada do municipio rural de Roslags-Länna ao de Österåker. O actual concello de Norrtälje creouse coa reforma municipal de 1971 a partir da cidade de Norrtälje e os concellos rurais de Blidö, Frötuna, Häverö, Lyhundra, Rimbo, Roslags-Länna, Väddö e unha parte escindida do concello rural de Knutby (a parroquia de Edsbro).[3] XeografíaNorrtälje é o concello de maior superficie do condado de Estocolmo e está situado na zona oriental da provincia histórica de Uppland. O municipio ten o mar de Åland ao leste, onde desemboca o Norrtäljeån. O municipio limita ao sur cos concellos de Österåker e Vallentuna, e ao suroeste co de Sigtuna, todos no condado de Estocolmo. Ao oeste limita cos concellos de Knivsta, Uppsala e Östhammar, no condado de Uppsala. Na illa de Märket no mar de Åland o concello ten unha fronteira terrestre co municipio finés de Hammarland, situado na rexión de Åland. Notas
|