Compay Segundo
Converteuse nun compositor e intérprete moi coñecido. Comezou a tocar a guitarra, o tres cubano, o clarinete e o bongó. Tamén tocou a conga ou tumbadora. Foi o creador da melodía Chan-chan,[1] e inventor do armónico, un híbrido de sete cordas entre a guitarra española e o tres cubano. Este instrumento tenta imitar o timbre do tres engadindo unha corda de oitava na terceira corda (sol). A súa afinación é a mesma que a da guitarra. Primeira corda mi, segunda si, terceira sol (corda de dobre oitava) e re, la, mi, afinadas unha oitava por riba da afinación propia da guitarra. TraxectoriaNado nunha humilde familia labrega, comezou a traballar moi novo, o que non lle impediu aprender a tocar a guitarra e o tres cubano de oído.[2] Cando o seu pai foi despedido do ferrocarril no que traballaba, trasladouse coa súa familia a Santiago, capital da provincia, e aínda que comezou a traballar como barbeiro, sabía xa daquela que o seu futuro ía cara á música. Con outros rapaces da cidade fundou o sexteto Los Seis Ases, e sendo aínda pequeno comezou a tocar o clarinete, que lle comprou ao seu dono liando tabaco na súa propiedade. Comezou a súa carreira musical moi novo cando compuxo as súas primeiras cancións e nos anos trinta formou parte de diversas agrupacións artísticas de Santiago como o Cuarteto Trobadores Orientales e o Cuarteto Hatuey. Tamén foi vocalista do conxunto de Miguel Matamoros. En 1948, Repilado, como segunda voz e tocador de tres, fundou o dúo Los Compadres con Lorenzo Hierrezuelo. Lorenzo, como primeiro vocal, chamábase Compay Primo e Repilado, como fixo a segunda voz, adoptou o alcume de Compay Segundo. Los Compadres constituíron un fenómeno de popularidade que se prolongou até 1955 cando Reinaldo Hierrezuelo, irmán de Lorenzo, substituíu a Compay Segundo que á súa vez formou un novo grupo ao que bautizou como 'Compay Segundo y sus muchachos'. Gañou fama internacional en 1997 coa súa participación no álbum Buena Vista Social Club, que gañou varios premios Grammy, e coa súa aparición na película homónima dirixida por Wim Wenders. En 1998 tocou no Teatro Olympia de París, e en abril de 2002, compartiu o escenario do Palais des congrès de Paris, co tamén destacado soneiro Adalberto Álvarez nun concerto homenaxe á contribución sonora de Cuba no 20 aniversario da fundación de Radio Latina.[3] Nos últimos anos, actuou ante millóns de espectadores e gravou nove álbums. Colaborou con Carlos Núñez gravando e tocando en directo "Para Vigo me voy" de Ernesto Lecuona.[4] Non puido cumprir o seu soño de chegar á idade alcanzada pola súa avoa, que era escrava e morreu libre aos 106 anos.[5] Morreu na Habana por mor dunha insuficiencia renal aos 95 anos. O seu conxunto, conservando o seu nome como conxunto Compay Segundo, continuou facendo concertos[6] e en 2019 visitaron Ribadeo participando no festival Ribadeo Indiano.[7] Discografía
GaleríaNotas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|